IN GIRUM IMUS NOCTE ET CONSUMIMUR IGNI

ANTEZ (FR) | ARIEL NINAS + XISELR | LCTRCT

Lugar: PATIO DE LUZ | Rúa Calderería, 38, 15704 Santiago de Compostela

Data: 05/02/2023 Hora: 17:00h – 21:00h

Entrada: Donativo 8€ – 12€

IN GIRUM IMUS NOCTE ET CONSUMIMUR IGNI

Inspirándose neste palíndromo latino, o domingo día 5 de febreiro Colapso Colectivo presenta en Patio de Luz unha sesión adicada ao xiro como xerme de son, ao movemento circular como un vórtice de músicas continuas. O percusionista francés ANTEZ percorre sen pausa un bombo colocado en posición horizontal dando voltas para extraer unha incrible gama de sons, a zanfona de ARIEL NINAS dialoga cos dispositivos electrónicos creados por XISELR que se accionan mediante o movemento dunha manivela e LCTRCT deconstrue un repertorio de músicas dificilmente clasificables a partir das espirais da súa colección de vinilos.

ANTEZ Antez é un percusionista francés que centra o seu traballo na improvisación e no uso de técnicas expandidas. Mediante a utilización de múltiples obxectos, e percorrendo nun movemento circular continuo un bombo, que ocupa o centro e funciona como un amplificador natural dos seus xestos, Antez esculpe un complexo e fascinante universo acústico a través do que explora as resonancias ocultas dos espazos nos que teñen lugar as súas performances, centrándose, ao mesmo tempo, na experiencia física do son.

http://www.antez.org/

ARIEL NINAS é un artista sonoro que traballa entre a música tradicional e a vangarda experimental, principalmente coa zanfona, onde tocou na OMEGA -Orquestra de Música Espontánea da Galiza- e en diversos proxectos multidisciplinares coma o trio Ulobit (“Vikingland”, AudioAtalia, 2016) ou en AiA con Ángel Faraldo, onde a improvisación libre é a forma básica de expresión. Desenvolve súa actividade profesional na produción con aCentral Folque desde Santiago de Compostela. Ten traballado en diversos proxectos con músicos recoñecidos coma Fred Frith, Michael Fisher, Marcos Suzano ou Germán Coppini (“Semper Audax”, LemuriaMusic, 2015). Coa compañía de danza contemporánea Traspédiante, formou parte do elenco e gravou a súa banda sonora, «Habelas», premio Injuve 2010.

XISELR é un proxecto musical do artista sonoro Xoán-Xil López que se centra no uso de texturas sonoras «drone» interpretadas cunha serie de dispositivos electrónicos de construción propia traballando arredor da reinterpretación dun instrumento tradicional como é a zanfona. Este traballo parte á súa vez da idea do “eterno retorno” -repetición, cambio e recorrencia-, e busca as conexións que existen entre certas sonoridades da música contemporánea e algunhas prácticas pre-tonais

http://www.unruidosecreto.net/xiselr_press/

Obsesionado polo vinilo como fonte de son, Pablo LCTRCT comezou as súas sesións en forma de atrevidos soundscapes caracterizados polo ruidismo, o afterpunk e a música experimental. Acuñou o concepto de “antiparty” exercendo de mestre de cerimonias en audicións performáticas cargadas de provocación onde se deixaba intuír a súa atracción por Merzbow, Hijokaidan e outros exemplos de música extrema. Durante unha década estivo afincado en Berlín onde, ademais de atopar novos estímulos na práctica da improvisación libre, amplía a súa paleta sonora cara a outros territorios. No 2022, de volta na súa Compostela natal, crea El Muelle 1931, unha plataforma vinculada ao negocio familiar que acolle propostas sonoras diverxentes coa vocación de distribuír tanto proxectos que nacen na súa contorna máis próxima, coma selos independentes e artistas internacionais pouco convencionais. Unha sensibilidade que lle leva a apostar especialmente por aquelas creacións que se desenvolven desde as marxes, músicas ocultas adicadas ao efémero da cultura «underground».

http://www.elmuelle1931.com

ENTRADAS

Consigue a túa entrada anticipadas a través da nosa canle de Telegram (t.me/colapsocolectivo) ou enviando un email a info.colapso@gmail.com.

Tamén as podes adquirir presencialmente en:

Café Bar El Muelle
Rúa da Senra, 6, 15702 Santiago de Compostela

Patio de Luz Rúa Calderería, 38, 15704 Santiago de Compostela

FILA 0

Aquelas persoas que queiran contribuir a que no futuro poidamos seguir programando estes eventos co noso colectivo de xeito sostible, poden facelo colaborando na FILA 0 do seguinte xeito:

BIZUM: 629644196

– Escribir FILA 0 no asunto.

PAYPAL:

– Enviar a cantidade que cadaquén considere a info.colapso@gmail.com
– Escribir FILA 0 no asunto da transferencia.
– Escoller opción de enviar cartos a familiares ou amigas.

TRANSFERENCIA:

– Ingresar a cantidade desexada na conta ES40 0182 0639 3302 0151 9965
– Escribir FILA 0 no asunto da transferencia.

¡Apoia á cultura e os proxectos autoxestionados!