SAYA | JUAN PARDO XXI (live) | CHAGO | LCTRCT


Lugar: Casablanca Compostela
Data: 30 | 12 | 2021
Hora: 18:00h – 2:00h
Entrada: 5€ (ata completar aforo)
Anticipadas: @quero_te @odispensario

Para despedir este 2021, Colapso Colectivo trasládase ao Casablanca (CBD is not a crime!), que abrirá as súas portas acollendo un continuo sonoro con propostas que se moven entre a experimentación electrónica, o hedonismo sonoro e o baile.Saya introduciranos nas sonoridades árabes cunha sesión moi especial deseñada para esta ocasión en perfecta sintonía co espazo. A música de Juan Pardo XXI sitúase nalgún punto infinito entre o lounge, a psicodelia e a musique d’ameublement. Mentres, Libredón opera como un catalizador de texturas e atmósferas partindo da reconciliación de elementos contrapostos.Todo isto fundirase coas Colaxes Sonoras elaboradas por Chago e LCTRCT culminando nun Ázido Folklórico. Electrónica distópica e sons mutantes para pistas de baile con fochancas.

SAYA

Saya سجى (Santiago de Compostela, 1990) autodefinese como unha artista multipotencial, investigadora musical e activista antirracista. Sempre involucrada en iniciativas audiovisuais, sitúase no panorama musical actual como unha DJ multixénero, influenciada polos diversos mundos culturais e artísticos que a rodean.Nesta ocasión preséntanos un DJ Set disruptivo e ecléctico marcado pola súa identidade sonora e orixe palestina, cun notable predominio de música árabe electrónica experimental combinada coa súa recente paixón polas gravacións de campo.

JUAN PARDO XXI

Algo tan natural como quedar durmido nunca estivo ben visto no mundo do rocanrol. Sempre se asociou ca decadencia, con estar pasado de voltas. Nun submundo onde tes que andar co 110% de enerxía non hai sitio pra veteranos durmicando na mesa nin pra amantes dos opiáceos.Juan Pardo XXI vén disposto a cagarlle na boca ós dictadores da escena musical, pero con calmiña, sen apurarse. Vén traerlle ao público picheleiro un pouco relax. Non vai contar nada trascendental, nin vai evitar un futuro dominado pola cabeza crioxenizada de Pablo Isla. Todo sucederá tranquilamente. E se algunha persoa toma tres viños e pídelle o corpo botar unha sestiña, pois que disfrute!

CHAGO

Chago, -álter ego do artista compostelán Iago Pedreira- é un axitador contra-cultural en continua procura de novos estímulos. O seu inconformismo levouno a explorar as marxes máis recónditas da música apostando por sons difíciles de categorizar, fuxindo de clixés e exhibindo con coherencia unha actitude de rexeitamento do preestablecido.

LCTRCT

Dende os seus inicios como co-fundador do Electrocute Zine a principios de século, obsesionado polo vinilo como fonte de son, Pablo comezou as súas sesións en forma de atrevidos soundscapes caracterizados polo ruidismo, o afterpunk e a música experimental.Acuñou o concepto de “antiparty” exercendo de mestre de cerimonias en audicións performáticas cargadas de provocación onde se deixaba intuír a súa atracción por Merzbow, Hijokaidan e outros exemplos de música extrema. No 2007 afincouse en Berlín, onde, ademais de atopar novos estímulos na práctica da improvisación libre, amplía a súa paleta sonora cara a novos territorios, rompendo fronteiras, reinterpretando a fusión multicultural na súa faceta como picadiscos e descubrindo que os patróns rítmicos de África están en todas partes, impresos en cor vermella profunda.

Non queremos despedir o ano sen mandar -unha vez máis- todo o noso apoio e amor incondicional ao @liceomutante , un exemplo de autoxestión cultural e social que non está a pasar polo seu mellor momento. O Liceo Mutante somos todas! O Liceo Mutante resiste!

https://colapsocolectivo.org/

Coa colaboración da