COLAPSO X LICEO MUTANTE Elektrotechnia | Chapa | Alexandre Losada | Ché Garrido + Corda | Juan Pardo XXI | Colaxes Sonoros | Colapso Jam

Data: 29/08/2020
Lugar: Liceo Mutante (Rúa Rosalía de Castro, 100 • Xardín Exterior • 36002 Pontevedra)
Hora: 13:00h – 21:00h
Entrada anticipada: 10€

COLAPSO trasládase ata Pontevedra para organizar un novo encontro adicado á experimentación e á creación sonora no que participarán diferentes artistas vinculadas ao colectivo. Neste momento de crise queremos dar visibilidade aos desafíos aos que se enfrontan espazos autoxestionados coma o Liceo Mutante, reivindicando o traballo desta asociación e a súa actividade dinamizadora.

COLAPSO X LICEO MUTANTE propón novas perspectivas que poñen en valor a creación contemporánea e a ollada das artistas coma testemuñas da nosa realidade na difícil encrucillada na que se atopa o ecosistema cultural subterráneo. Nesta xornada tan especial uniremos forzas creando sinerxias para a promoción e o desenvolvemento da cultura e a difusión do traballo das artistas que se achegan ao noso territorio.

ENTRADAS:

– 10€ via PayPal a anticipadas.liceomutante@gmail.com
– Escoller opción de enviar cartos a familiares ou amigas.
– Especificar nomes e apelidos das persoas asistentes.
– A efectos de distribución do espazo, no caso de acudir en grupo con persoas que adquiriran as súas entradas noutra reserva, especificar nomes e apelidos das mesmas (máximo 10 persoas por grupo).
– A entrada de persoas socias de pago do Liceo Mutante, como é habitual, é gratuita, se ben se anima ás socias asistentes a participar na medida das súas posibilidades cun donativo.
– As entradas so estarán dispoñibles de maneira anticipada. Non haberá entradas dispoñibles en porta o día do evento. – Aforo moi reducido.

FILA 0 (para aquelas persoas que non poidan asistir e queiran contribuir igualmente á causa do Liceo Mutante):

PAYPAL:
– Enviar a cantidade que cadaquén considere a anticipadas.liceomutante@gmail.com
– Escribir FILA 0 no asunto da transferencia.
– Escoller opción de enviar cartos a familiares ou amigas.

TRANSFERENCIA:
– Ingresar a cantidade desexada na conta ES9001825150820201522847

Todos os beneficios xerados nesta xornada destinaranse ao Liceo Mutante.

+info:

http://www.colapsocolectivo.org

https://www.facebook.com/events/225725102093403/


CHE GARRIDO + CORDA (LIVE) Che Garrido (síntese modular) e Xoán-Xil López (cello) xúntanse nesta sesión improvisada para construir unha amálgama sonora elaborada con voltios e resina. Texturas, drones, pizzicatos, e todo un repertorio de sons que xurden do acto da escoita compartida, adquiren aquí sentido nun espazo intermedio, entre o eléctrico e o acústico.

ELEKTROTECHNIA (LIVE) É fascinante como o capitalismo conseguiu que nos posicionemos en cuestións estéticas ou nas artes coma os siareiros máis ruins co seu equipo de fútbol. Falo de capitalismo e non da ansia de pertencer a un grupo ou dese individualismo que nos fai querer ser diferentes, porque as leas sempre veñen cas cousas que se están a vender no momento. Isto todo estouno a dicir pra situarvos diante do carácter atemporal de Elektrotecnia. Porque hai Drum&Bass e Electro dos principios do século XXI, pero non é un calco retro nin revisionista. Hai un caos espontáneo que vai xuntando elementos aprendidos dende o primeiro día que este músico escoitou Barón Rojo ata o día de hoxe. E se un paisano coma o señor Elektrotechnia, con todo o que sabe, e toda a teoría que carrexa ó lombo, é capaz de traernos un proxecto inocente e fresco, e que soe así «da casa» e grande ó mesmo tempo; daquela si que hai vida intelixente en Martes e estamos diante dun fenómeno que paga a pena escoitar en directo. Non esperedes tempos lentos, pero calquera cousa (filtrada por unha mente roqueira) pode pasar. Tampouco esperedes que volo recomenden nos «hits underground» do voso magazin preferido, porque non hai nada máis enterrado ca o que está sucendo xusto ó lado nosa. hevi_Abril_2019 N. do A. : Nesta ocasión deixamos a porta aberta á improvisación partindo de elementos atopados na oficina de secuencias perdidas, dos presets de fábrica e dalgún tema que nunca estará rematado.

ALEXANDRE LOSADA (LIVE) Alexandre Losada traballa nas marxes das músicas improvisadas, empregando a súa guitarra (preparada moitas veces) coma fonte infinita de sons agochados, fráxiles. Emprega a guitarra para torturala, agarimala, retorcela e facerlle cóxegas coas súas estranas técnicas, nun proceso cheo de sutileza pero que non escapa da crudeza e da enerxía.

CHAPA (LIVE) CHAPA inspírase na filosofía da parola nocturna na taberna, o rexeitamento ao revivalismo e á tendencia actual do fetichismo polos sintetizadores. Concibido por CHAgo e PAblo Electrocute como un proxecto comunitario perpetrado desde a diáspora, a súa música exhibe unha inestabilidade encantadoramente fráxil entre unha trama avant-garde de palleiro e as desviacións dúctiles de texturas orgánicas e sons ambientáis. Un exercicio inxenuo na procura do equilibrio axeitado entre polirritmos alterados, ruido de fondo e paisaxes sonoras caseiras que nos traslada a un espazo indefinido pero cotián.

JUAN PARDO XXI (LIVE) Algo tan natural como quedar durmido nunca estivo ben visto no mundo do rocanrol. Sempre se asociou ca decadencia, con estar pasado de voltas. Nun submundo onde tes que andar co 110% de enerxía non hai sitio pra veteranos durmicando na mesa nin pra amantes dos opiáceos. Juan Pardo XXI vén disposto a cagarlle na boca ós dictadores da escena musical, pero con calmiña, sen apurarse. Vén traerlle ó público do Liceo un pouco relax. Non vai contar nada trascendental, nin vai evitar un futuro dominado pola cabeza crioxenizada de Pablo Isla. Todo sucederá tranquilamente. E se algunha persoa toma tres viños e pídelle o corpo botar unha sestiña, pois que disfrute!

COLAXES SONORAS (Colapso DJs) Estilísticamente impredicibles. Promoven o intercambio enerxético como fío conductor, reflictindo nos presentes estados de ánimo anómalos e esquecidos. O día e a hora marcan a pauta. O orgánico preside a sala. Participarán: Chago e LCTRCT

COLAPSO JAM (LIVE) Coma peche os participantes desta xornada uniranse para crear mediante a improvisación o que queremos definir como Colapso Jam. Unha oportunidade única de poñer no tear do risco os cinco sentidos. Unha incógnita estilística que expresará, mediante electrónicas minimalistas e sons en catarse, un espazo e tempo concretos. Participarán: Alexandre Losada, Pablo Electrocute, Xoán-Xil López, Xurxo Piñeiro, Ché Garrido, Chago e Hevi.